RoadS2Win

Mellorar a seguridade do transporte por estrada a través de tecnoloxías Digital Twin (xemelgo dixital) é o obxectivo do proxecto RoadS2Win, para o que o grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas, do Cintecx, recibiu, para desenvolver a súa investigación, durante os tres próximos anos, 212.500 euros da última convocatoria das axudas Proxectos de Xeración de Coñecemento, convocadas no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. O catedrático e investigador principal de GeoTECH e do proxecto RoadS2Win, xunto a Joaquín Martínez Sánchez, Pedro Arias Sánchez, explica que a seguridade no transporte por estrada, as lesións e mortes asociadas coa mobilidade son problemas significativos en termos sociais, económicos e de saúde pública, ao tempo que lembra que a seguridade viaria depende do comportamento dos e das condutoras, da calidade das infraestruturas e da seguridade dos vehículos.

“O concepto xeral do proxecto baséase no desenvolvemento dun xemelgo dixital, que consiste na representación virtual dunha realidade física, unida pola interconexión de datos dos tres elementos sinalados anteriormente (comportamento dos e das condutoras, calidade das infraestruturas e seguridade dos vehículos), que funciona en ambas as dúas direccións (realidade física/realidade virtual) e serve para axudar na toma de decisións mediante procesos de simulación en tempo real, sobre que medidas poden ser levadas a cabo para incrementar a seguridade viaria e a redución do risco de accidentes”, detalla Arias sobre a esencia do proxecto Mellora da seguridade en estradas a través de tecnoloxías enfocadas ao Digital Twin.

Ler a nova completa no DUVI