O MTI, sede de Cintecx, será o primeiro edificio da UVigo con xemelgo dixital

O MTI, sede de Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, converterase antes de finais de ano no primeiro edificio da Universidade de Vigo cun xemelgo dixital, unha réplica virtual realizada a imaxe e semellanza do propio edificio, o que facilitará o control en tempo real da calidade do aire do interior das instalacións, incluíndo parámetros como os niveis de dióxido de carbono, temperatura, humidade ou gas radon, factores clave para garantir as cuestións relacionadas coa saúde e a eficiencia enerxética destas instalacións. Este traballo é a proposta gañadora do Desafío Cintecx 2020, un concurso de ideas e proxectos financiado por Cintecx con 25.000 euros, cantidade que se destinará integramente ao desenvolvemento deste proxecto.

A proposta involucra a dous grupos de investigación do Cintecx, o Grupo de Tecnoloxía Enerxética, GTE, e o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, Geotech, e fomenta a colaboración con outras entidades do sector privado, como son as empresas Insitu, Soltec e Norlean. “Este foi o primeiro ano desta idea innovadora e os grupos de investigación enviaron propostas moi interesantes”, salienta José Luis Martínez Lastra, director do centro, ao tempo que explicou que nesta primeira edición dos Desafíos Cintecx se elixiu como temática os xemelgos dixitais, unha decisión que veu motivada pola tendencia existente no sector industrial da dixitalización dos procesos. “Un compoñente importante de todo ese proceso de dixitalización é precisamente a creación de réplicas dixitais que permiten recrear o posible comportamento deses produtos, servizos, sistemas… e así ver que podería acontecer baixo determinadas situacións de estrés do sistema”, explicaron desde o centro.

Ler a nova completa no DUVI