O proxecto Topacio proba en estradas de Celanova e Lobios o seu sistema de xestión de vías e biomasa para a prevención de lumes

A estrada de Ourense a Celanova AG-31, nas proximidades desta última vila, e a OU-312, no Parque Natural da Serra do Xurés no seu paso por Lobios, están sendo o banco de probas do proxecto Topacio (Tecnoloxías de optimización da xestión de infraestruturas para a prevención de incendios forestais). Nelas estase a deseñar unha metodoloxía e unha ferramenta, baseada en tecnoloxías innovadoras, que teñen como obxectivo contribuír á prevención de lumes xestionando a información do estado das franxas de vexetación na contorna de vías de comunicación e poboacións.

No proxecto, iniciado en 2018, participan as empresas Extraco, que achega a súa experiencia como concesionaria de obras en vías; Aeromedia, con experiencia en captura e procesamento de datos; Conexiona, con experiencia no desenvolvemento de solucións TIC innovadoras e multiplataforma, e Sans2, con experiencia en sistemas de información xeográfica. Xunto a elas participan os grupos da Universidade de Vigo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) e de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, participando Feuga na xestión administrativa. O importe do proxecto ascende a 799.316,81 euros, contando cunha subvención Conecta Peme 2018 da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Ler a nova completa no DUVI