A UVigo visibiliza ante as empresas os seus últimos avances de I+D+i en infraestruturas do transporte

A Universidade de Vigo, a través neste caso do Grupo de Investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas, Geotech, está a participar esta semana en Santiago de Compostela en dous encontros empresariais nos que se presentan os últimos avances e os principais retos aos que se enfronta o sector das estradas a medio e longo prazo: desde o modelo de xestión e conservación da rede ata a redución de cifras de accidentalidade, pasando por como lograr unha mobilidade eficiente e sostible… Falamos da feira Innovacarretera e a 30ª Semana da Carretera, eventos nos que participan especialistas chegados de toda España e do resto de Europa, entre eles os docentes e investigadores vigueses Joaquín Martínez, Mario Soilán e Pedro Arias.

“A nosa participación nestes eventos vainos permitir dar visibilidade aos traballos que se están a facer dende a UVigo máis aló das canles científicas habituais e onde xa temos unha traxectoria consolidada”, explica Pedro Arias, coordinador do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, quen fai tamén fincapé en que “este tipo de accións poden contribuír a ver a Universidade como un centro de referencia nun sector novo e de gran proxección, como é o das infraestruturas do transporte”.

Ler a nova completa no DUVI