A combinación de intelixencia artificial e big data abre novas vías para prevención de accidentes e a mellora da xestión das infraestruturas. Trátase de apostar pola análise masiva de información para identificar situacións de risco e poder así anticiparse e evitar sinistros. Este é o escenario no que se desenvolve o proxecto Road4Safe (Proactive road safety risk prediction through multi-source ai and big data to enable data-driven decisions and interventions) impulsado por un consorcio de 18 socios de 12 países liderado polo grupo GeoTech da Universidade de Vigo.
O obxectivo é mellorar a seguridade viaria mediante a predición e prevención de accidentes antes de que se produzan, aproveitando a intelixencia artificial (IA) e o big data. Para iso o proxecto desenvolverá un «xemelgo dixital» (DT) do tráfico rodado e a infraestrutura baseado en IA, que integrará datos procedentes de múltiples fontes (vehículos conectados, sensores de infraestrutura, datos ambientais e históricos) para xerar predicións de risco en tempo real en mapas de perigos a nivel local e de rede. Levaranse a cabo dous proxectos piloto complementarios: un en Austria, no que se porán a proba escenarios críticos en túneles e ramplas de entrada e saída, e outro no Corredor de Biscaia (España), que avaliará a predición de riscos a escala de rede. Ao finalizar o proxecto, as tecnoloxías ofrecerán unha solución integral para a xestión proactiva da seguridade, en consonancia coa obxectivo «Visión Cero» da UE.